La Voz de Galicia, Suplemento Culturas, 5 de febrero 2005

Por Xesús Alonso Montero.

Entre os especialistas en Historia Antiga os traballos de Montero Díaz (1911-1985) suscitan, de novo, un certo interese. Unha boa proba é, sen dúbida, a recente reedición do volume De Caliclés a Trajano. Estudios sobre historia política del mundo antiguo. Publicado por primeira vez en 1948, a presente edición, de Urgoiti Editores (Pamplona), foi coidada, anotada, e prologada, con devoción e rigor, polo profesor Antonio Duplá, titular do Departamento de Estudos Clásicos na Universidade do País Vasco. Ata onde alcanzo, a introdución do profesor Duplá (80 páginas) é, hoxe por hoxe, o estudo de conxunto máis completo sobre a figura intelectual (e política) de Montero Díaz. É certo que, nese limiar, por razóns obvias, ponse o acento nunha das dimensións de Santiago Montero, a de historiador da antigüidade, pero nel fanse breves incursións noutras facetas: o comunista (1930-1933), o jonsista (desde 1933), o disidente do franquismo…

Home de extraordinaria cultura e de palabra sagaz e brillante (dentro e fóra de cátedra), hai tempo que esixe unha biografía, una biografía intelectual na que se examine desde o seu galeguismo xuvenil (en 1929 publica un soneto galego sobre Curros Enríquez) á gloriosa acción universitaria de 1965 na que encabeza, con Tierno Galván, Aranguren e outros profesores a magna manifestación estudiantil da Cidade Universitaria de Madrid. Suspendido de empleo e soldo durante dous anos, exercerá este bienio como docente na Universidade Católica de Santiago de Chile.

Da súa biografía intelectual, quizais o período menos estudado sexan eses tres anos composteláns (1930-1933) nos que fai prédicas políticas desde postulados marxistas, que coñecía ben, quizais mellor que os seus amigos marxistizantes da época (Luís Seoane, Ánxel Fole, Felipe Fernández Armesto…). De concepción marxista son os dous opúsculos de 1931, editados en Valencia, Orto, publica en maio de 1932 o artigo «Notas históricas y actuales sobre el trabajo en Galicia», no que cita un texto de Ehrenburg sobre a precaria situación do campesiñado galego. Nas mesmas datas pronunciou na Facultade de Dereito de Santiago, invitado pola FUE, a conferencia «Encol do noso problema campesiño», da que nos ofrece unha boa reseña Nós, revista moi allea ás conclusións do conferenciante: «A direición do campesinado debe asumila o proletariado das vilas auxiliado polos inteleituaes revolucionarios (…) O movimento ha ter un senso internacionalista. Ha ser a III Internacional quen o dirixa» (15-5-1932). Fóra das actividades da súa cátedra, a de Historia Antiga, tamén deslumbrou ós cervantistas coas páxinas sagaces e suxestivas de Cervantes, compañeiro eterno (1957).

Obras relacionadas